lunes, 11 de abril de 2016

POR UN RÉXIME AO SERVIZO DO POBO, POLA TERCEIRA REPÚBLICA.

 
 
 
As clases que teñen o auténtico poder económico, político, económico, militar e social no estado español sempre optaron pola Monarquía como forma do Estado para seguir tendo ese poder.

Cando o pobo impuxo a II República comenzou unha etapa de cambios democráticos que có goberno da Fronte Popular iniciou unha serie profundas reformas económicas e sociais a favor da poboación traballadora. Nesta etapa o pobo avanzaba de verdade na mellora das súas condicións de vida e o novo goberno comeza a poñer limites os privilexios e abusos dos ricos de sempre.

As oligarquías non se resignaron e recorreron a un golpe militar fascista encabezado polo asasino Franco có apoio  de Hitler e  Mussolini, que contou coa bendición da igrexa e a "neutralidade" das potencias europeas que se dicían democráticas.

A criminal ditadura que converteu o estado español nun autentico campo de concentración aplicou todo o terror e toda a represión que puido para evitar que o pobo recuperara a súa soberanía e o réxime republicano que legalmente se tiña conquistado nas urnas.

O propio asasino Franco declarou a Juan Carlos de Borbón como o seu herdeiro a título de rei, e deixou claro que os cambios políticos que tiveran que facerse no futuro tiñan un límite imposto pola ameaza da intervención militar, os poderosos impuxeron que o réxime político no Estado español tiña que ser unha monarquía, e que de ningún xeito podía permitirse que se reivindicara á volta á legalidade republicana. Esta chantaxe baseada no medo, na represión, no engano e na manipulación tivo éxito, axudada tamén pola claudicación dalgúns que se dicían de esquerdas e que aceptaron unha  "transición" na que renunciaron a pedir contas aos que cometeron crimes contra a humanidade, e que se enriqueceron escandalosamente a base de estar do lado da ditadura fascista.

O resultado é que, a pesares dalgúns dereitos e espazos de liberdade que nos tiveron que ceder pola loita e o sacrificio de moitos, o pobo non puido elixir libremente a forma de goberno que desexaba para o estado español.

A día de hoxe seguimos a padecer unha monarquía que coma no pasado foinos imposta, porque ten unha función primordial, a de ser a máxima e máis poderosa autoridade política do estado, con competencias legais mesmo para evitar que entren en  vigor leis que poidan atacar os privilexios dos ricos, e incluso con competencias para impedir, digan o que digan os resultados electorais, a formación de gobernos que queiran defender de verdade os intereses do pobo traballador e que non se sometan aos intereses das grandes fortunas e das grandes empresas. Velaí a función da monarquía, e a razón de que ata fai ben pouco non puidera ser obxecto de crítica algunha, e pola contra era aplaudida dende os medios de desinformación de masas, e continua recibindo continuas gabanzas por parte dos mamporreros do poder.

A monarquía non é neutral, e forma parte do entramado de poder da oligarquía, esta o servizo dos mesmos que para defender os seus intereses de usura e latrocinio asfixian e explotan ao pobo traballador.

Non podemos acreditar que vivamos nun réxime realmente democrático cando a riqueza se concentra cada vez máis en poucas mans, mentres crece a pobreza entre o pobo, con cada vez máis persoas en paro e sen subsidios, con salarios insuficientes e pensións cativas que non permiten vivir con dignidade, e que vanse ir reducindo, con cada vez menos dereitos laborais e sociais, con desfiuzamentos de familias de vivendas que quedan valeiras e pasan a mans dos bancos que nos rouban, con recortes intolerábeis en sanidade e ensino, con prezos da luz e da auga que non deixan de subir para dar beneficios económicos a unha minoría que cada dia é máis rica a costa de que sexamos máis pobres, con máis represión cando exercemos o dereito a protesta e nos mobilizamos.

A  loita do pobo non debe estar limitada  a defendernos e reivindicar o respecto aos nosos dereitos. Para ser eficaces temos que lograr cambios reais na estrutura política, económica, e social do país, cambios para sacarlle o  poder a quen realmente o ten e para evitar que a riqueza que producimos có noso traballo sexa apropiada por unha minoría que só pensa en encher o seu peto.

Por todo isto para nós a loita pola República non é só a loita para recuperar un réxime democrático no que a xefatura do estado sexa elixida pola cidadanía nas urnas, e cun mandato por un tempo limitado. Para nós a loita pola República é a loita por conquistar un réxime ao servizo do pobo e gobernado polo pobo, para que os dereitos do pobo, comenzando polo dereito ao traballo, non poidan ser pisoteados nunca máis pola minoría dos grandes ricos.

A República da que falamos e defendemos, terá como principal obriga poñer o poder político, económico e social o servizo do pobo traballador, e debe ser a ferramenta para lograr que impere a xustiza social.
Cando conmemoramos o 14 de Abril non só recordamos o pasado, actuamos no presente para construír o futuro, poñemos as bases para a terceira República, cuestionamos realmente o sistema, abrimos o debate para cambialo todo de verdade e non só as caras nas institucións burguesas. 

Non haberá cambio real sen República, sen superar o réxime do 78, a monarquía funciona como o garante para que todo siga igual. 


SAÚDE E REPÚBLICA!
A POLA TERCEIRA!